Banda de Gaitas Xarabal

Banda de Música de Pontevedra

Facebook

Banda de Gaitas Xarabal

A Banda de Gaitas Xarabal nace da man do mestre e músico Antón Corral na Universidade Popular de Vigo como actividade complementaria do Obradoiro de Instrumentos Populares Galegos no ano 1984. A Universidade Popular actuou como caldo de cultivo xa que serviu para crear unha enorme canteira tanto de músicos como de artesáns. Desta maneira Antón Corral agrupou a todos estes alumnos no que sería o precursor da Banda de Gaitas Xarabal, o grupo didáctico. O seu obxectivo era facer música tradicional cos instrumentos realizados no Obradoiro e con coloquios didácticos nos seus concertos sobre a música interpretada e a historia dos instrumentos.

No ano 1984, foi tanta a demanda que o grupo didáctico non chegaba para dar cabida a todos os músicos desexosos de participar no mesmo. Foi entón cando se comezou a especular coa idea de crear unha banda de gaitas. Naquelas datas coincidían na Universidade Popular persoeiros tan importantes como Ricardo Portela, Nazario Iglesias (Moxenas), Jesús González (Gaiteiro de Airiños do Parque de Castrelos)…

Cando todas estas figuras da cultura musical galega recibiron a noticia da incipiente creación da banda de gaitas, recomendaron ós seus mellores alumnos para formar parte deste gran proxecto. Tamén se implicaron nesta iniciativa numerosos estudiantes do Conservatorio Superior de música de Vigo como Carlos Núñez, Anxo Pintos, Xavier Abad… que aportaron unha grande calidade musical non só no eido da música tradicional senón no apartado máis técnico e académico.

A banda de gaitas bautizouse co nome de “Xarabal” e quedou formada oficialmente en setembro de 1984. Xarabal é un nome metafórico que significa “grupo de peixes ante un perigo”. Antón Corral explicaba sempre que o nome se lle puxo pensando que os músicos adicados ó folclore galego corrían o perigo de desaparecer, xa que daquela era difícil permanecer no mundo da música tradicional.

Antón Corral transmite a filosofía da banda de maneira clara:
A Banda de Gaitas Xarabal pretende ser portadora dunha mensaxe de integración con todos aqueles que en distintas facetas se marquen como obxectivo común o de conseguir maiores niveles de calidade e perfección no emprego da gaita. Un claro expoñente desta idea é a inclusión de instrumentos como o sintetizador, congas, bongós, timbal, etc empregándoos sempre sobre unha liña tradicional (…) a tradición non consiste soamente de vivir no pasado, senón reconstruíla no presente para que permaneza no futuro. O folclore faise día a día e o difícil é dar coas fórmulas xustas que garantan a súa aceptación e introducción na cultura popular.

Ensaio tras ensaio, os compoñentes da Banda de Gaitas Xarabal traballaban para facer realidade ese proxecto. Case dous anos de duro traballo pasaron, ata que o día 7 de xuño de 1986, apadriñada polo gaiteiro Ricardo Portela, a Banda foi presentada en público no

auditorio García Barbón da cidade de Vigo. A acollida por parte dos espectadores que acudiron ó evento foi moi satisfactoria, feito que aumentou as ganas de seguir traballando de todos os seus compoñentes. Ese mesmo ano, a Banda tivo a oportunidade de participar nos dous festivais celtas máis importantes de Galicia naquel momento: o “Festival do Mundo Celta de Ortigueira” e o “Festival Celta de Vigo”.

Algo moi atractivo de cara ó público naquel momento era a combinación de gaitas en distintas afinacións, feito moi pouco habitual por aquel entón dadas as dificultades de afinación propias do instrumento.

En abril de 1987 Xarabal e o Grupo Didáctico desprázanse ós estudios “Angel Estudio II” de Lisboa para gravar o que sería o seu primeiro traballo discográfico: “Instrumentos Musicais Populares Galegos”. O traballo sería de grande importancia non só para Xarabal senón para a cultura musical galega en xeral, xa que tiña un carácter básicamente didáctico. Neste mesmo ano Xarabal dáse a coñecer por primeira vez fora das nosas fronteiras asistindo como convidado ó festival de música celta por excelencia: o “Festival Intercéltico de Lorient”.

En 1993 Xarabal volve ós estudios para gravar o que sería o seu primeiro traballo en solitario. Nel incluíanse un total de 12 pezas onde se combinaban perfectamente os instrumentos dos que se dispoñían naquel momento en grandes interpretacións de temas emblemáticos como “A Barroca” de Nazario Iglesias Moxenas, “Marcha Procesional de San Bieito”, “Polca de Vilagarcía”… Unha vez máis o disco foi todo un éxito entre a crítica e o público, converténdose nun dos traballos discográficos de referencia no mundo da gaita.

Tras a xubilación de Antón Corral e agravado polos constantes problemas cos locais de ensaio e falta de axudas por parte da administración e organismos públicos, a Banda de Gaitas Xarabal desvincúlase oficialmente da Universidade Popular, pasando a constituírse como Asociación Cultural independente. A partir de este momento a Banda de Gaitas Xarabal visita centos de festivais tanto nacionais como internacionais dando a coñecer a música e cultura galegas máis alá das nosas fronteiras.

Durante o período que comprende os anos 2001 a 2008 a actividade da Banda de Gaitas Xarabal prosegue na mesma liña con Antón Corral como director principal, ausentándose durante breves períodos por motivos persoais e de saúde. Nesta etapa colabora na gravación de varios traballos discográficos. No ano 2006 o grupo folk “Crema de gaita” convida á Banda a realizar unha colaboración no seu traballo discográfico “Tangalego” interpretando o tema “A Cascarexa”.

No ano 2008 Óscar Ibáñez, quen promoveu o proxecto dun traballo discográfico producido pola Xunta de Galicia e titulado “Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela, o mestre” propón á Banda gravar un dos temas do disco, neste caso unha suite de dúas pezas: “Marcha do San Bieito / Muiñeira da Grelada” ámbalas dúas tradicionais.

A partir do ano 2008 Xurxo Fernández toma a dirección da Banda de Gaitas Xarabal, quen xa era membro da banda anos atrás e estaba finalizando os seus estudios de “Licenciado en Instrumentos da música popular e tradicional galega”. Traballouse na creación dun espectáculo audiovisual cun novo repertorio, emprego de novas tecnoloxías, unha nova posta en escena e, paralelamente, ininciouse a gravación dun novo traballo discográfico.

Durante os seguintes anos Xarabal profundizou en novos ritmos, novos instrumentos e montaxes dun alto nivel interpretativo culminando no ano 2010 coa presentación do espectáculo “VIA NOVA” no Auditorio Martín Códax de Vigo.

A partir do ano 2014 Xarabal entra a formar parte da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo e, simultáneamente, toma a batuta da banda Abraham Fernández, antigo compoñente da banda, mestre e recoñecido músico do panorama folk.

Estes dous cambios marcan o comezo dunha nova etapa centrada en recuperar un repertorio principalmente tradicional e conseguir unha perfecta posta en escena.

No ano 2017, toma o relevo na dirección da Banda o tamén antigo componente e afamado gaiteiro Marcos Campos, quen segue dirixindo o colectivo ata a actualidade. Neste novo ciclo, o arranxista, compositor e mestre Ernesto Campos sumouse como colaborador na composición, arranxos e mesmo na interpretación de diferentes pezas.

Ó longo dos máis de 35 anos de historia da Banda de Gaitas Xarabal levouse a cabo unha intensísima labor de formación musical fiel ó seu obxectivo inicial, o cal queda reflectida no extenso número de compoñentes que formaron parte activa da mesma nalgún momento.

Así mesmo, dende o 2004 a Asociación Cultural Xarabal ven realizando anualmente os “Obradoiros de música galega”, nos que os alumnos asisten a clases intensivas durante tres días, charlas coloquios de figuras representativas do folclore galego, mostras gastronómicas e etnográficas e diversas actividades paralelas. Nun ambiente de convivencia conxunta cos membros da Banda e mestres de recoñecido prestixio no panorama musical nacional e internacional, os alumnos teñen a oportunidade de vivir unha experiencia única e de gozar da música galega máis auténtica.