A nosa historia

Banda de Música de Pontevedra

Facebook

A nosa historia


ANTECEDENTES

«No podrá trazarse nunca la vieja estampa de Pontevedra sin recordar aquellas serenatas y otras muchas agrupaciones instrumentales, coreadas algunas veces por voces magníficas que aún tiene hoy supervivencias emocionadas». Prudencio Landín.

É a partir de mediados do século XIX que, favorecida por unha serie de circunstancias conxunturais de carácter social, económico, político e intelectual, ten lugar en Galiza, e resto do territorio español, a proliferación de bandas de música tanto de patrocinio institucional como de natureza popular. Así o constatamos na cidade do Lérez, onde dende mediados do 1800 xa se poden rastrexar noticias que aluden a unha presenza máis que activa dos conxuntos bandísticos nos espazos da cidade.

Destaca, en primeiro lugar, o rol desempeñado polas bandas militares que aínda que vinculadas a rexementos itinerantes, caso do Rexemento de Infantería de Murcia ou o Rexemento de Infantería de Luzón, chegaron a lograr certa estabilidade no contexto urbano esparexendo a súa música con asiduidade. Estas, conviviron con outras de carácter civil, caso da Banda de música de Aficionados, liderada polo insigne músico Paz Carbajal ou a Banda Popular, conformada por músicos disidentes da Banda de música do Hospicio e dirixida por Agustín Somoza, Benito Peón e Juan Serrano consecutivamente. Mención especial merece a amentada Banda de música do Hospicio, tamén coñecida como de Beneficencia, pola súa función socieducativa así como pola súa produtiva e longa traxectoria. En efecto, a súa xénese remóntase practicamente aos orixes da propia institución benéfica (1853) e prolóngase ata principios de século (1903), erixíndose como o xerme máis directo da Banda Municipal pontevedresa.

Todas elas, cos seus trazos particulares, caracterizáronse dende ben pronto por desempeñar unha ampla gama de tarefas musicais e culturais acadando un ostensíbel enraizamento na configuración da paisaxe sonora e social decimonónica. A súa fortuíta e xeral desaparición en 1903 propiciou, sen dúbida, un punto de inflexión para a organización dunha nova agrupación baixo o patrocinio do concello: a Banda de música de Pontevedra, fío relator deste viaxe musical alén do tempo.

 


NACEMENTO

O 10 de abril de 1904, é a data na que, baixo a presidencia do alcalde Bernardo López Suárez, o Concello de Pontevedra acorda por nove votos a seis, estimar a instancia presentada polo profesor de música Primitivo Sánchez Quilez e crear unha Banda de música Municipal cunha subvención de 5.000 pesetas. Desbotábase, por conseguinte, a proposta do director da Banda Popular Juan Serrano de tocar nas festas municipais e amenizar os paseos de verán na Alameda por un custe menor, 3.000 pesetas, en base ao argumento do concelleiro Casas de que «os intereses do municipio so estarían ben servidos tendo unha banda de música propia».

banda-municipal-de-pontevedra-no-balneario-do-lerez-ca-1906-1908-imaxe-inedita

A posta a punto da colectividade levouse a cabo con prontitude; por petición do Concello, a disolta Banda do Hospicio fixo entrega do instrumental, arquivo musical e demais útiles existentes e os nenos hospicianos pasaron a formar parte en calidade de educandos da nacente agrupación, conformada por aquel entón por preto de 36 músicos. Tan só dous meses despois, coincidindo coa festividade do Corpus Christi, o colectivo achábase organizado e disposto para a súa presentación. Mais, o grande entusiasmo reinante entre os músicos e a «xusta» fama e coñecementos do director Sánchez Quilez, non foron suficientes para lograr un recibimento laudatorio. En efecto, fronte ás «ruidosas manifestacións de simpatía» acadadas pola Banda Popular no primeiro man a man que tivo lugar no quiosco da Alameda, a Municipal recibiu só certas mostras de «frialdade». Tal confrontación entre partidarios dunha e doutra agrupación xeraría, xunto coa falta de numerario e o reducido número de actuacións, un clima pouco favorable para o propicio desenrolo da agrupación municipal. O seu «lamentable estado» pronto foi advertido polo concello que en sesión do 1 de setembro de 1908 acordou disolver a banda municipal ao tempo que comunicaba a súa inmediata reorganización.

Unha comisión mixta composta por persoal do Concello e Deputación, sería a encargada de redactar o regulamento de funcionamento da colectividade musical así como as bases do concurso para elixir un novo director na segunda tentativa de reorganización en 1908. Cunha dotación anual de dúas mil pesetas e tan só por catro votos a tres, o reputado compositor Damián López foi o mestre seleccionado para levar a cabo tal labor, en detrimento do músico pontevedrés Felipe Paz Carbajal.

Novo instrumental foi subministrado por parte da Casa Laherma de Madrid para a reestruturación da Banda Municipal que en xaneiro de 1908 dábase a coñecer ao pobo durante a procesión de San Sebastián, acadando, esta vez si, un éxito notorio. Mais certas «intolerables» imposicións duns cantos músicos quebrantaron o devir da agrupación alá por 1909. Unha vez máis, a Banda lograba reorganizarse baixo a dirección do mestre López. Non obstante, tras longa ausencia por causas que descoñecemos, Damián López foi forzado a renunciar saíndo a súa praza a concurso en decembro de 1910  baixo as seguintes condicións:

1ª […] soldo de 2.000 pesetas, e o 10 por 100 do importe das contratas de que sexa obxecto a Banda.

2º Para optar á praza, é condición indispensable ter sido músico maior efectivo nas de Rexemento, durante quince anos ao menos, e na actualidade, áchese en situación de retiro, ou presentar o pase da devandita situación ao posesionarse da Banda de Pontevedra, e non poderá exceder de 58 anos de idade.

3º Tamén poderán solicitar a praza, os que solicitasen as prazas de Directores das Bandas de Madrid, Barcelona, San Sebastián ou Valencia, e obtivesen ata o número catro na cualificación. A Comisión reunirase o día sete de Xaneiro de 1911, para examinar os expedientes dos solicitantes e outorgará a praza de Músico Maior ao que reúna máis méritos.

2


DESENROLO-MADUREZ (1911-1934)

Tralos controvertíbeis episodios vividos pola agrupación no seus inicios, a partir de 1911 da comezo unha nova etapa para a colectividade caracterizada en termos xerais por unha crecente estabilidade. Unha conquista que veu determinada por unha maior permanencia e continuidade no que ao posto de director e actuacións se refire. Tal conxuntura reverteu sen dúbidas nun ostensíbel crecemento artístico da agrupación que pasou a contar cunha presenza máis activa na cidade e un maior recoñecemento entre os pontevedreses ata o punto de expresarse o diario  El Progreso o 29 de febreiro de 1924 nos termos que siguen: “O pobo sentiríase defraudado coa supresión dun organismo que chegou a envexable altura e que é unha nota alegre e de cultura no noso monótono vivir“.

Entre 1911 e 1915 figura como director da Banda Municipal o mestre José Carreras Grimaud. En concreto, é o 22 de xaneiro de 1911 a data na que o madrileño fai o seu debut na Alameda de Pontevedra, decantándose para a ocasión por un programa composto por danzas, seleccións de fragmentos operísticos e autóctonos: 1º Banda Nueva, pasodoble, José Serrano; 2º Amelia, tanda de valses (1ª vez), Carreras; 3º El conde de Luxemburgo, fantasía (1ª vez), Lehar; 4º Roberto il diavolo, obertura, Meyerbeer; 5º Sonata gallega (1ª vez), Montes; 6º Gerona, pasodoble (1ª vez), Lope. Pezas moi do gusto da época que xa deixaban entrever, segundo as crónicas, unha gran diferenza na harmonía e afinación da colectividade, ata o punto de poder competir a Banda dirixida por Carreras «con cualquier […] de las de Regimiento. Esto nos demuestra a su vez que no son del todo malos los elementos que la integra [El Progreso, 29-I-1911]».

En novembro de 1915, Carreras Grimaud renuncia á dirección da banda a raíz do seu traslado a Canarias. Tras concurso público, Hilario Courtier Quintáns é designado novo director, tomando posesión do seu cargo o 4 de xaneiro de 1916. Poucos días despois, o santiagués debuta na Alameda acadando numerosas felicitacións por parte dos concorrentes. Tras 7 anos ao fronte do colectivo, «razones especialísimas» motivan a súa renuncia presentada o 5 de maio de 1922. A Comisión mixta da Banda acorda por unanimidade admitir o devandito cesamento e decide nomear como substituto ao músico Adolfo Campos.

Cunha  dotación de 3.000 pesetas anuais e o dez por cen de tódalas contratas, este experimentado músico militar faise cargo do colectivo composto por unha trintena de músicos entre 1922 e 1934. Un período de tempo especialmente frutífero no eido musical. A Banda experimenta unha notable mellora grazas a incorporación de novos elementos, á elección de escollidos programas e ao desenrolo dunha estrita disciplina de traballo baixo a «enérxica» e «refinada» batuta de Campos. Unha mellora «milagrosa», case «heroica», tal é como recolle a prensa de antano, se temos en conta a situación de precariedade económica que sufría a colectividade. En efecto, en 1924 o Diario de Pontevedra constata que «os distinguidos artistas están empeñados hasta las orejas y no cobran hace un par de meses». O pobo pontevedrés, sensible ao desamparo sufrido pola colectividade musical, decide acudir ao seu auxilio levando a cabo unha subscrición pública e diversos partidos benéficos. Coa situación administrativa normalizada, a agrupación continúa firme no seu empeño acadando, para satisfacción dos seus concidadáns, numerosos eloxios nas súas numerosas e variadas actuacións tanto dentro como fóra da cidade. Mais o favorable devir da agrupación baixo a acertada dirección de Campos pronto chega o seu fin. O 15 de novembro de 1934, na cidade que tantos eloxios lle tributara en vida, ten lugar o pasamento do apreciado director.


TEMPOS CONVULSOS

Trala Guerra Civil e a vitoria definitiva do bando insurxente (01-IV-1939), España pasou a converterse nun réxime totalitario caracterizado, sobre todo na primeira posguerra, por unha forte militarización e ideoloxización, adquirindo a música un importante valor simbólico. Nesta denominada «era de himnos, marchas de triunfo, despedidas e recibimentos onde se desborda patriotismo», as bandas de música municipais adquiriron un novo significado, impoñéndose de xeito significativo as tarefas de carácter protocolario fronte ás de índole artística. En consecuencia, numerosas agrupacións bandísticas disolvéronse, moitas outras xurdiron, cambiaron de nome, ou como no caso da Banda Municipal de Pontevedra, a súa titularidade foi asumida por institucións propias da Falanxe.

faustino-temes-alameda-de-pontevdra-ca-1932-1934-fonte-ana-maria-e-olga-temes-perez

O 24 de outubro de 1934, a Corporación municipal acorda nomear director interino do colectivo municipal a Faustino Temes Diéguez na vacante producida polo pasamento de Adolfo Campos, cunha dotación de 4.300 pesetas. O competente veciño e profesor de música toma a dirección da agrupación entre ao beneplácito xeral, mais o seu labor ao fronte do colectivo pronto se ve truncado. O 23 de outubro de 1936, con Pontevedra xa baixo os dominios do bando insurxente, Temes é cesado no seu posto. Rubén Albar e Antonio Refojo Blanco ocupan sucesivamente o cargo ata que en agosto de ese mesmo ano, e tras  recurso de reposición, Temes é reposto novamente no seu destino.

E entón cando a Comisión Municipal Permanente do Concello previa declaración de urxencia e fóra do orden do día (29-IV-1937), adopta una decisión contundente: disolver a Banda de música municipal. Os argumentos esgrimidos para levar a cabo tal determinación aludían a un suposto estado de descomposición da agrupación e por ende a unha necesaria reorganización da mesma, se ben tales accións probablemente tiñan moito que ver cun rexeitamento a todo aquilo que rememorase ao considerado como «nefasto» período republicano.

recibimento-marines-alemans-en-pontevedra-mayo-1939

Así pois, en sesión do 30 de marzo de 1938 o Concello decide celebrar un concurso-oposición para prover con carácter interino a praza de director da banda municipal, próxima a reorganizarse. Tal acordo é anulado polo Ministerio do Interior por quebrantar os preceptos da Lei do Corpo de Directores. Un novo revés para a Corporación que finalmente desiste do seu proxecto de reorganización, e decide aceptar o «favorable» ofrecemento da Banda da Milicia de Falanxe Española Tradicionalista e das J.O.N.S., segundo o cal as necesidades municipais quedarían atendidas por unha cantidade menor que a necesitada para o sostemento da malograda Banda municipal. Por unha subvención de 25.000 pesetas anuais a Banda da Falanxe comprometíase a estar presente en tódolos actos oficiais que o alcalde requirise así como a levar a cabo un concerto tódolos domingos, que pasarían a ser dous nos meses de xullo e setembro e diarios durante agosto, cun día de descanso semanal.

Da comezo, pois, co contrato firmado entre ámbalas institución o 18 de maio do chamado «II ano triunfal», 1938, unha nova etapa no transcorrer político, social e tamén cultural da cidade do Lérez, cunha colectividade musical ao abeiro do Concello e da Milicia, encargada de realzar desfiles, solemnidades, conmemoracións e festexos. Ao fronte da mesma, Félix de Andrés Galilea (interino), Luis Aparicio Sancho e Jesús Pérez Rivas sucederanse como directores.

recibimento-marines-alemans-en-pontevedra-mayo-1939-2

Xa na década dos cincuenta, máis en concreto en xullo de 1951, a Xefatura Provincial de Falanxe ante a non directa submisión e acatamento da banda ao Partido, pois os seus integrantes en xeral non pertencían a devandita organización, decide desentenderse totalmente da administración e dirección da mesma. Un novo panorama, marcado por novas alternativas, da comezo.

 

 


INESTABILIDADE

Tralo desligamento Banda-Falanxe e co anhelo de evitar a extinción definitiva dunha colectividade musical que tanto beneficio reportara a «distracción e solaz do pobo», un Padroado conformado por veciños da capital – Juan Novás Guillén, Celestino Fontoira Peón, Marcelino Vázquez Giménez, Alfonso Lois Sancho, Antonio Hereder Solla, José Martínez Tiscar e Ángel Hereder Solla- ofrécese ao Concello para levar a cabo a reorganización da disolta agrupación musical.

Constituído o Padroado en forma legal, a Corporación municipal acorda en sesión de 20 de agosto de 1951 proceder a entrega do instrumental, arquivo e vestiario en posesión da Banda da Falanxe, sen que isto outorgase carácter municipal á colectividade en proxecto. Neste senso, cabe sinalar, que é a partir das décadas dos cincuenta-sesenta que,  como medida de aforro adoptada polas corporacións municipais, se observa no país unha tendencia cara a creación de novas agrupacións non estritamente municipais que veñen a suplir as funcións asignadas ata entón ás bandas de música de titularidade si municipal. Mais, en ocasións, estas novas alternativas non obteñen os resultados anhelados. Así, por exemplo,  no caso da cidade de Pontevedra os devanditos intentos de reorganización dunha agrupación apta para realzar os festexos oficiais e realizar concertos públicos non prospera ata 1959, ano no que toma as rendas da agrupación o músico Juan Moldes Touza. Mais a súa actividade non se vai prolongar demasiado no tempo, podendo observarse a partir de 1964 una remisión na actividade levada a cabo pola denominada Banda do Padroado.


REXURDIR. BANDA DE MÚSICA DE PONTEVEDRA

A tendencia cara a transformación das antigas agrupacións municipais noutras nas que en ocasións se mantén o termo Municipal a pesar de non responder ao concepto orixinal, vai continuar en moitos lugares do país durante a Transición e primeiros anos de democracia. No caso da Pontevedra, é a finais da década dos setenta cando, tras un longo período de silencio, un grupo de amigos capitaneados por Antonio Moldes, van facer realidade o chamado «milagre da Banda de Música». En concreto, é en novembro de 1979, co obxecto de honrar a patroa Santa Icía, que estes entusiastas pontevedreses, sen uniformes, con repertorio prestado e instrumentos das máis dispares familias, fan a súa presentación pública na cidade do Lérez. «Aquel día foi un gran desfile triunfal», como ben relata E. Alvarellos, «a poboación aplaudía entusiasticamente, xa non a calidade musical, senón a un grupo que evocaba recordos moi entrañables e que moi ben podería continuar o labor que en Pontevedra víase durmida dende moitos anos atrás». Tralo pasarrúas veu o concerto de presentación ao que seguiu outra serie de actuacións tanto en Pontevedra, como na contorna, así como en diversos puntos da xeografía galega, nacional e incluso Portugal. Retomaba a súa andaina así, ao abeiro da Sociedade Musical de Pontevedra, a Banda de Música de Pontevedra.

ramon1

A gran ilusión impúñase aos escasos medios, que pouco a pouco e ante a boa acollida por parte da cidadanía tamén foron in crescendo. Mediante subvencións municipais o Concello mostraba o seu apoio a colectividade, sen outorgarlle, en ningún caso carácter municipal. Porén os medios económicos seguían a ser escasos en comparación coas agrupacións doutras cidades de provincia. Mais isto non foi impedimento para que o bo facer da banda en actos oficiais, festas patronais e conmemorativas pronto acadase importantes recoñecementos públicos. Así pois, no ano 1981 o mestre Moldes, en representación do colectivo, recibe o Diploma de mérito do Casino Mercantil e Industrial, en 1986 e de mans de José Luis Fernández Sieira o premio Amigos de Pontevedra e tres anos despois, en 1989, o Cidade de Pontevedra. Merecidos recoñecementos a un colectivo que a pesar das dificultades iniciais, lograba consolidar na cidade do Lérez o renacemento da tradición bandística.

No 2003, alegando motivos de saúde, o gran impulsor da BMP deixaba o seu posto de director, poñendo fin a unha etapa de 24 anos ao servizo da música en Pontevedra.

 

ramon17

PLANTEL DA BANDA NA DÉCADA DOS OINTENTA:

Flauta: Celso Santos Lorenzo.

Requinto: Miguel Conde Güimil.

Clarinete: José Maniel Ramos Barreiro;  Serafín Novás Barros; Ángel Calleja Bezana; José Padín Pérez; Jesús Martínez González Tiebo; Ramón Hermida Miguélez.

Fliscorno: Jaime Besada Castro; Miguel Briones López.

Trompeta: José Escudero Rodríguez; Daniel Martínez Fernández; Digno Pardal Bragaña.

Saxo Alto: José Prieto Martínez; Agustín Fdez. Fdez.

Saxo tenor: Niceto Barros Barros; José de la Torre López.

Trombón: Féliz Fondevila Martíne; Ramón VIdal Couñago; Celso Soto López.

Bombardino: Ramón Roma Calvo; Jorge Méndez Domínguez.

Baixo: José Vidal Franco; Julio Ruibal Crespo.

Bombo: Juan Villar Pazos.

Platillos: Eloy González Floriani.

Caixa: José Esperón Buceta.

Timbais: Emilio Quintela Quintela.

Fonte: Enrique Alvarellos


ACTUALIDADE

Trala xubilación do mestre Antonio Moldes, iníciase na Banda de Música de Pontevedra (BMP) un período de transición caracterizado por unha incipiente remodelación e a sucesión de diferentes directores. José Padín toma as rendas da agrupación en xaneiro do 2003. Mais en agosto dese mesmo ano deixa o seu posto como director en funcións a Rafael Torres Míguez, quen estará ao fronte da colectividade ata o ano 2005. Entremedias, directores como Daniel Portas toman tamén a batuta da BMP.

No 2005, coincidindo co nomeamento dunha nova Xunta Directiva no seo da Sociedade Musical de Pontevedra, entidade xestora do colectivo, e en aras dunha maior profesionalidade, a organización da un xiro ostensíbel ao devir da agrupación abríndose unha prolífera etapa no seo da Banda de Música de Pontevedra liderada entre 2005 e 2008 polo mestre Javier Viceiro-Filgueira,  continuada dende o 2009 ata 2015 por Juan Lois Diéguez e proseguida dende outubro de 2015 ata o día de hoxe por Rafael Agulló Albors. Ao longo desta última década, a ampla especialización dos directores e a formación cada vez maior dos músicos redundou nun incremento da calidade interpretativa da agrupación, o cal favoreceu no eido artístico o emprendemento de novos e innovadores proxectos musicais. Un repaso polas derradeiras programacións dos concertos celebrados dan boa conta do dito. Estreas, preparación de programas temáticos e monográficos, recuperación do patrimonio artístico e fomento da creación musical, posta en valor dos mozos artistas, colaboracións con directores de renome e figuras sobranceiras no eido instrumental e vocal así como con colectivos musicais e personalidades relevantes no terreo cultural, son só algunhas das actividades levadas a cabo nestes últimos anos pola formación instrumental con maior tradición da cidade.

pontevedreses-na-onda-premio-categoria-musica-2011

Entre os recoñecementos a tal labor destaca a obtención no ano 2011 do premio «Pontevedreses na Onda» na categoría de música. Logro, que se suma ao apoio brindado por institucións, público e abonados -400 aprox.-, piares fundamentais sobre os que se sustenta a Banda de Música de Pontevedra, conformada na actualidade por 33 músicos e cuxo principal obxectivo ao longo desta última década foi e segue a ser o «establecemento de vínculos culturais e de colaboración con tódolos axentes socioculturais da cidade do Lérez» así como a súa consolidación como «nexo e referente musical no terreo cultural da cidade de Pontevedra».

Nuria Barros Presas

Doutora en Musicoloxía